Que é PANEGA

O Programa da abella negra galega PANEGA créase para desenvolver a mellora xenética da nosa abella tradicional por medio dun programa de conservación, cría e selección dirixido a obter colonias resilientes capaces de manteren a produtividade no marco das dificultades que actualmente enfrontan.

Mediante avaliacións periódicas selecciónanse raíñas con caracteres mellorantes (produción de mel, defensa contra varroa, comportamento hixiénico…) que logo se difunden entre os apicultores que colaboran e se capacitan co programa.

Preténdese ademais dispoñer de colonias locais seleccionadas capaces de competir en prestacións coas de razas foráneas e contribuír así a minimizar a perda de patrimonio xenético que supón o tráfico comercial das abellas importadas.

O PANEGA nace por iniciativa e implicación das principais asociacións apícolas galegas: Asociación Abellas Nais, Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Casa do Mel, Asociación Galega de Apicultura e Asociación Galega MENA.

PANEGA

Obxectivos do programa

É obxectivo xeral do programa promover a mellora xenética da abella propia de Galicia mediante a colaboración e capacitación permanente de apicultores en técnicas selectivas e, complementariamente, difundir a mellora obtida.

Para logralo fórmanse equipos de apicultores avaliadores que realizan probas de rendemento capaces de identificar as colonias cos mellores comportamentos ligados aos xenes. Tamén se constitúen equipos de reprodución con criadores que crían raíñas destas colonias sobresaíntes para propiciar que a mellora continúe no tempo.

Estes membros dos equipos de campo adéstranse nas habilidades necesarias grazas a un plan de capacitación permanente implementado polas asociacións apícolas participantes.

Ademais, unha parte das raíñas seleccionadas destínanse a difundir a mellora entre os apicultores de toda Galicia, o que combina a dobre vantaxe de aumentar o progreso da nosa abella e de ampliar a obtención de resultados en condicións de campo moi heteroxéneas.

PANEGA

Equipos de traballo

O plan de traballo do PANEGA estrutúrase en base á actividade de diferentes entidades colaboradoras, propias e alleas, coordinadas globalmente.

Organigrama do PANEGA

Cada unha das asociacións apícolas participantes conta con equipos de traballo propios. En concreto dous equipos de campo (equipo de reprodución e equipo de avaliación) e un técnico especializado no programa (técnico PANEGA).

O PANEGA tamén dispón dunha estrutura para a xestión xeral de todo o programa, dividida nunha coordinación xeral realizada por Xosé Manuel Durán Orús e unha coordinación técnica realizada por Marcos Varela Lorenzo.

Ademais contase con entidades que participan como colaboradores externos realizando labores de asesoría científica e divulgación de resultados: Universidad del País Vasco, Universidad de Zaragoza, IXP Mel de Galicia e CFEA Sergude.

PANEGA

Metodoloxía (Series e lotes de avaliación)

O Programa de mellora comezou en 2023 establecendo unha poboación base aberta de corenta colonias de abella negra seleccionadas entre as pertencentes aos colaboradores do programa. Para escollelas atendéronse criterios de diversidade xenética e de cumprimento de caracteres fenotípicos que as destacaron como salientables.

En 2024, desa serie inicial de corenta estirpes preseleccionadas elixíronse vinte para criar as primeiras colonias sobre as que comezar as avaliacións, constituíndose deste xeito as serie 1 e 2 do PANEGA con dez estirpes cada unha. En anos sucesivos fórmase unha única serie de dez reprodutoras para cada tempada.

Cadro de series indicando a procedencia de cada unha

Estas dez estirpes de cada serie deben superar un estándar rotatorio ao longo de dous anos completos (avaliación, selección, reprodución, apareamento, difusión e formación de novas colonias) que se repite en modo bienal alterno para poder traballar continuamente con vinte estirpes por tempada, organizadas en dúas series de dez.

Deste xeito, sempre hai unha serie en avaliación de tempada mentres que a outra está coa reprodución das colonias que resulten seleccionadas para dar lugar a serie seguinte.

As fecundacións contrólanse mediante apareamentos non panmíticos parcialmente dirixidos en base a saturar as áreas de apareamentos con machos de xenética mellorante.

Deste xeito conformase a poboación base do PANEGA con trescentas vinte raíñas/colonias repartidas por toda a xeografía galega.

Poboación base PANEGA

PANEGA

Lotes de avaliación

O potencial xenético das raíñas do programa analízase mediante probas de rendemento que se efectúan nas 320 colonias organizadas en lotes de avaliación.

Para confirmar que as liñas xenéticas seleccionadas se manteñen dentro do rango da Apis mellifera iberiensis realizaranse periodicamente análises morfolóxicas por biometría de estándar racial.

A mellora xenética obtida anualmente difundirase ao sector mediante a distribución das raíñas seleccionadas aos apicultores dos equipos de avaliación e reprodución e aos socios das asociacións apícolas participantes.

Esquema de obtención periódica das estirpes seleccionadas (exemplo parcial)

MEMBROS

Por que participar no PANEGA

Emprender un programa de mellora xenética apícola supón iniciar un proceso ininterrompido de cría, avaliación e selección que, para ser efectivo, deberá permanecer en constante actividade ao longo dos anos.

Para levar a cabo este proxecto é necesaria a participación de múltiples protagonistas: administracións públicas, entidades apícolas, centros de divulgación, técnicos, investigadores… Pero o realmente imprescindible é a implicación activa de apicultores que colaboren nas labores de reprodución e avaliación das colonias seleccionadas. Sen eles o programa non é realizable.

Todos os apicultores colaboradores do PANEGA, ademais de ter prioridade no acceso ás raíñas que se vaian seleccionando, disporán de acceso gratuíto ás xornadas de capacitación que se organicen dende as asociacións para contar coa formación máis actual e avanzada no ámbito selección e reprodución apícola.

Tamén terán a súa disposición asesoramento personalizado nas cuestións técnicas relacionadas coa súa colaboración e unha acreditación como colaborador PANEGA ao cumprir tres anos de permanencia no programa.