Programa de cría

A abella negra ibérica é unha das subespecies de ápidos con valor comercial menos caracterizadas e seleccionadas a nivel mundial. O programa PANEGA pretende cubrir un baleiro pouco común en calquera outra raza gandeira activando para as abellas galegas este proceso selectivo dentro dun sector orfo, e ao tempo necesitado, deste tipo de iniciativas.

As análises de biometría racial e de xenética molecular que se prevén realizar, unidas a outras de programas similares que se están a desenvolver no resto do estado achegarán datos valiosos no obxectivo común de preservar a Apis mellifera iberiensis con todos os seus ecotipos locais e lograr incluíla no Catálogo oficial de razas gandeiras de España.

PANEGA

Que é un programa de cría

Un programa de cría comprende a conservación e mellora dunha raza por medio da cría e selección de determinados caracteres xenéticos desexados utilizando rexistros e protocolos definidos para manter o libro xenealóxico desa raza.

En España os programas de cría están regulados polo RD 45/2019 sobre razas gandeiras e son executados por asociacións de criadores recoñecidas oficialmente.

As partes esenciais dun programa de cría son:

PANEGA

Probas de rendementos

Consisten en comprobar as distintas capacidades que teñen as colonias para cumprir cos caracteres diana previamente fixados.

Efectúanse mediante probas cegas que avalían a calidade xenética de cada colonia e a fan constar en rexistros que clasifican o rendemento expresado para cada carácter medido.

Os controis realízanse sobre colonias de distinta procedencia xenética organizadas en grupos de raíñas irmás fecundadas coetaneamente na mesma zona de apareamento, preferiblemente por machos de procedencia coñecida. Estes grupos de proba deben avaliarse en diferentes lugares e manexos.

Para obter resultados válidos é fundamental contar con avaliadores en cantidade e calidade suficiente, ademais de dispoñer de rexistros unificados, prácticos e cubertos en tempo e forma.

PANEGA

Estimación dos valores xenéticos

O valor xenético predí os efectos acumulados dos xenes que controlan cada carácter avaliado. Expresa a aptitude de cada colonia para responder ás características buscadas no programa.

O valor xenético que vai a mostrar unha raíña calcúlase a partir dos rexistros fenotípicos dos seus parentes. Deste xeito, a capacidade teórica que ten para transmitilo á descendencia (herdabilidade do carácter) é a metade dese valor.

Para calculalo o máis común é utilizar o método BLUP (mellor predición lineal non sesgada), que permite estimar as características propias da raíña e dos seus parentes sen a influencia de factores non xenéticos. Para aplicalo é necesaria a colaboración de entidades científicas especialmente cualificadas.

A fiabilidade dos valores xenéticos aumenta co tempo, á vez que aumenta o número de datos tratados.

Para analizar e comparar os datos tense en conta se as colonias están situadas ou non na mesma alvariza. Só se contrastan as diferenzas entre os resultados obtidos, non os resultados en si.

Dado que non todo o valor xenético se manifesta nos caracteres mostrados por unha única colonia, tamén se teñen en conta os valores doutras colonias da mesma liña familiar

PANEGA

Selección

En base ao valor xenético obtido para cada un dos caracteres diana marcados en cada plan de cría específico faise unha anualmente un filtrado selectivo das colonias avaliadas.

Os caracteres desexados poden ponderarse equitativamente ou non, outorgando máis valor a uns trazos que a outros.

PANEGA

Control dos apareamentos

A pesar das dificultades de incluír a cría e selección dos machos no traballo da selección apícola é evidente que a posta en funcionamento de sistemas para o control das cópulas convértese nun factor decisivo para que o proceso de mellora avance con maior rapidez e eficacia.

Dende os máis simples, como a saturación de machos mellorantes, ata os máis complexos, como o illamento xeográfico en estacións de apareamento ou a inseminación instrumental, todos os métodos que controlen total ou parcialmente a poboación de machos fecundantes axudarán a eliminar a incerteza do valor xenético realmente transmitido dende a parte paterna.

Para comprobar o pedigree achegado polos machos convén realizar periodicamente probas xenéticas de parentesco.

MEMBROS

Difusión da mellora

Propagar a mellora que se vai obtendo constitúe un aspecto básico de calquera programa de cría.

As raíñas criadas e o seme almacenado a partir das estirpes seleccionadas non deben destinarse unicamente ao uso interno do programa de cría. Difundilas entre o sector contribúe á mellora global da raza e supón un punto de referencia no que a comunidade apícola pode descubrir as posibilidades do traballo selectivo.