O PROGRAMA

PANEGA

PANEGA

A situación

Xa hai anos que resulta evidente o paulatino decrecemento das producións apícolas e o declive dos polinizadores silvestres como resultado de diversas causas influentes. As principais:

Episodios extremos de calor e frío, alteracións no nivel de precipitacións, lumes incontrolables, floracións atemporais, vagas de seca…

Cesamento da actividade agraria, aumento de áreas costeiras e periurbanas incompatibles cos asentamentos apícolas, desaparición de cultivos tradicionais (nabo, frondosas melíferas, pasteiros permanentes…), indiscriminada plantación de piñeiros e eucaliptos non nectaríferos, perda de biodiversidade floral…

Incidencia dos novos agrotóxicos (neonicotinoides, organofosforados e fenilpirazois) que provocan graves alteracións fisiolóxicas a nivel do comportamento social das abellas (mudanzas de comportamento e dificultades na localización do alimento, na comunicación eusocial e no regreso á colonia); ademais de efectos daniños no sistema inmune que fan aumentar a incidencia de doenzas e diminúen a taxa de fecundidade.

Irrupción de especies exóticas que invaden o hábitat intrínseco, especialmente Vespa velutina.

Pertinaz incidencia de patoloxías específicas, lideradas por Varroa destructor, coas viroses vectoriais asociadas.

Por outra parte, a hexemonía da abella endémica de Galicia está cada día máis ameazada pola masiva entrada de subespecies alleas revestidas dunha presunta preeminencia en aptitudes. Especialmente do híbrido Buckfast e de diferentes estirpes da abella italiana (Apis mellifera ligustica), que provocan hibridacións altamente lesivas e deixan unha pegada xenética moi complicada de erradicar.

É vital non deixar perder os miles de anos de adaptación ao medio natural que a nosa abella negra representa. A perpetuación deste patrimonio xenético e o aproveitamento económico das súas producións dependen directamente da adaptación ao hábitat local.

Ao tempo, faise especialmente oportuno traballar pola conversión dos trazos xenéticos actuais da abella galega, excesivamente variables, noutros que mostren máis uniformidade nos comportamentos beneficiosos para os abelleiros e para a sociedade. Desta forma, fomentarase o seu recoñecemento e demanda.

Tras a diagnose unánime desta situación, boa parte das asociacións apícolas galegas responderon coa activación dun programa de conservación, selección e mellora do ecotipo galego da abella Apis mellifera iberiensis.